Por que divulgar ciencia?

A importancia da cultura científica.

Vivimos nunha sociedade que coñece e aproveita a tecnoloxía. Porén, a percepción social sobre a ciencia e o proceso de xeración de coñecementos a través do método científico está pouco apegado á realidade1.

Así, segundo a enquisa de Percepción Social de la Ciencia y la Tecnología de 20182 realizada pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) o 24.3% da poboación pensa que o balance beneficios-prexuízos (B-P) da ciencia e a tecnoloxía están equilibrados. Ademais, o 40% da poboación española considera que ten un nivel de educación científico-técnico baixo e o 51% da poboación total afirma que a ciencia é tan especializada que lle custa entendela.

Este informe tamén conclúe que canto maior é o nivel de estudios, maior interese ten pola ciencia e ao mesmo tempo mellor percepción social e máis positivo é o balance B-P da ciencia. Isto tamén ocorre de xeito contrario, é dicir, canto máis baixo o nivel de estudos, pero imaxe social da ciencia e máis negativo é o balance B-P. É por iso que a divulgación científica debe romper esa barreira, evitar a polarización da sociedade (xente con estudos e interese, xente sen estudos sen interese) e divulgar para a maior parte da poboación independentemente do seu nivel de estudos. Claro está que se alguén non ten interese por algo, neste caso a ciencia, non vai a investir o seu tempo, pero aquí é onde a divulgadora ou divulgador ten que encargarse de espertar ese interese pola ciencia, transmitindo a súa paixón e motivación pola mesma.

Ok, pero…

Que é a Divulgación Científica e como se fai?

Unha definición simple podería ser que a divulgación científica é o conxunto de actividades que interpretan o coñecemento científico e o fan accesible á sociedade. A divulgación vai dende cousas sinxelas e aceptadas socialmente como a teoría da evolución ou da gravidade ata descubrimentos actuais e máis complexos como os buratos negros ou a mecánica cuántica.

Hai que ter en conta que a diferenza da difusión da ciencia (comunicación entre “pares”, é dicir, entre especialistas e colegas cun nivel de coñecemento similar), na divulgación científica, a comunicación realízase entre persoas con diferente estatutos do “saber”, a emisora (divulgador/a) e a receptora (persoa interesada) teñen diferente nivel de coñecemento sobre a temática3.

Cando un xornalista lle preguntou á divulgadora Ana María Sánchez Mora como se aprendía a facer divulgación, esta respondeu “Divulgación? De cal? Para meniñas, adolescentes ou adultos? Para primaria, secundaria ou universidade? Para científicos de outras especialidades? Por escrito, en vídeo ou radio? Estilo literario ou xornalístico? Como conto, entrevista ou ensaio? Modelo Gamow, Asimov, Sagan, Jay Gould ou Dawkins?”4. A resposta de divulgadora, amosa por un lado, a grande variedade de tipos de divulgación; e por outro, a complexidade de escoller en cada momento o estilo divulgativo máis apropiado. Sánchez Mora engade que así como para que un pintor aprenda a pintar non é suficiente con aprenderse o libro de “como ser un bo pintor”, tampouco existe unha escola nin un método que te ensine a divulgar. Cabe recordar que este artigo é de 2002 e hoxe en día existen estudos de mestrado e cursos de como divulgar en ciencia e pouco a pouco vaise formando un método. Non obstante, na miña opinión, ironía presente, a divulgación científica non é unha ciencia exacta.

Iso si, independentemente de se a divulgación científica é levada a cabo por científicos ou no científicos, hai certas características e principios que o produto divulgativo debe manter3:

  • Ser fiel ao contido científico,
  • Estar dirixida a un público non especializado,
  • Crear unha nova mensaxe cunha linguaxe non técnica, accesible, amena e que esperte o interese do público (proceso de recreación divulgativa).

“O divulgador traballa entre dous lumes: por un lado, o da debida fidelidade ao contido científico; e por outro, o do talento preciso no manexo da linguaxe literario para transmitir ideas e significados” 5.

Onde se divulga a ciencia?

Canles divulgativas

Na actualidade, a divulgación científica, realízase en case tódolos formatos existentes dos diferentes medios de comunicación: televisión (canles como Discovery Channel ou National Geographic; programas como Órbita Laika da RTVE); revistas de divulgación científica (Nature ou Science) ou a española Muy Interesante, de carácter popular; xornais; as tan de moda charlas TED ou un dos recursos máis utilizados: o omnisciente internet, onde podes gozar de tódolos formatos anteriormente citados.

Naukas Bilbao 2019
Instantánea do evento Naukas Bilbao 2019 organizado por naukas.com. É Evento de divulgación científica que xunta a millares de persoas interesadas na ciencia e cultura.

Obviamente, todos estes produtos son elaborados por divulgadoras e divulgadores. O máis relevantes son enunciados a continuación.

Divulgadores máis coñecidos

A obra de Galileo Galilei, Diálogo en Relación aos Dous Sistemas do Mundo (1632) é considerada por moitos a primeira obra de divulgación científica. Certo ou non, a realidade é que a día de hoxe existen moitas obras literarias que se converteron en clásicos da divulgación como Historia do tempo (Stephen Hawking), Os dragóns do Edén (Carl Sagan), O xene egoísta (Richard Dawkins), O ascenso do home (Jacob Bronowski), A vida na Terra (David Attenborough) ou as novelas de ciencia ficción de Isaac Asimov.

Moitos dos libros de divulgación científica mencionados teñen tamén a súa parte audiovisual (programa, serie ou documental). Entre os programas máis coñecidos destaca Carl Sagan coa súa serie de Cosmos: A Personal Voyage e o naturalista burgalés Félix Rodríguez de la Fuente con El Hombre y la Tierra. Ademais destes, a nivel internacional destacan tamén o oceanógrafo Jacques-Yves Cousteau (conservación mariña), o biólogo Stephen Jay Gould (evolución e historia da ciencia), o ‘filósofo da ciencia’ Martin Gardner e o astrofísico Neil deGrasse Tyson coñecido por realizar unha secuela do programa Cosmos: A Personal Voyage de Carl Sagan.

Divulgadores científicos famosos
Os divulgadores científicos máis influentes, cada un no seu ámbito. De esquerda a dereita e arriba-abaixo: Carl Sagan, Jacques-Yves Cousteau, Stephen Hawking e Félix Rodríguez de la fuente.

Divulgación científica en España

A pesar de que os espazos de divulgación de resultados da investigación en español na área de comunicación son insuficientes6, hai grandes divulgadores españois de moita calidade. Por exemplo, o xa mencionado Félix Rodríguez de la Fuente, Eduard Punset (psicoloxía e neurociencias), Jorge Wagensberg (física e outras disciplicas), Javier Armentia (astrofísica), José Miguel Mulet (organismos xeneticamente modificados) ou Javier Sampedro (bioloxía).

Divulgadores millenials.

Youtube é considerada como a plataforma que trouxo a revolución dixital e como un fenómeno de creación de cultura participativa que transformou o media e a sociedade7. Debido ao potencial que ten esta plataforma de poder chegar a moitísima xente, moitas divulgadoras e divulgadores decidiron comezar a “broadcasting themselves” (antigo slogan de Youtube), algúns deles dando o salto televisivo como Eduardo Sáenz de Cabezón, un matemático que ademais da súa canle en Youtube de Derivando, presenta o programa de Órbita Laika. Outras canles da mesma plataforma coñecidas son a de Quantum Fracture, do físico Jose Luis Crespo; Date un Voltio e Date un Vlog do físico Javier Santaolalla; CdeCiencia de Martí Montferrer; La gata de Schrodinger da xornalista científica Rocío Vidal; Antroporama, Patri Tezanos (neurocientífica); El robot de Platón, Aldro Bartra; Deborahciencia, da química galega Deborah García Bello, que ademais é colaboradora no programa de Órbita Laika; La Hiperactina, Sandra Ortonobes (biomedicina), ademais de dúas canles como Minuto de la Tierra e Minuto de física.

Divulgadores científicos youtube famosos
Os ‘youtubers’ divulgadores científicos máis coñecidos. De esquerda a dereita e arriba-abaixo: Rocío Vidal, Jose Luis Crespo, Eduardo Sáenz de Cabezón e Javier Santaolla.

Divulgación científica en galego.

E por último, e non por iso menos importante, este apartado vai recoller as principais divulgadoras e divulgadores galegos, que afrontan dúas cuestións ao mesmo tempo, por un lado, a problemática sociolingüística galega; e por outro, a dificultade da divulgación da ciencia (sexa na lingua que sexa). Jorge Mira, físico e columnista científico en La Voz de Galicia; GCiencia, divulgación científica e xornalismo; Efervesciencia, programa de ciencia da Radio Galega; Ceos Galegos, astronomía; Moléculas en galego e Concienciadas e a Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica (AGCCCT). E quizais, pronto, este blog, naturiza.org

Queres probar o teu coñecemento sobre Divulgación Científica? preme aquí e fai o test!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *